Arxis Ensemble

Arxis Percussion Group

Centrado na música de percusión de nova creación, ARXIS Percussion Group nace co obxectivo de achegar ao panorama galego as últimas correntes estéticas ao redor da percusión, na súa expresión solista, camerística e de ensemble. Así mesmo, ARXIS Percussion Group aposta por converterse nunha plataforma de encontro entre as e os diferentes percusionistas residentes en Galicia.

A creación interdisciplinar, a experimentación no campo da percusión, a creación de novo repertorio e o labor didáctico convértense así no eixo central do proxecto.

Os integrantes do ARXIS Percussion Group colaboran asiduamente con prestixiosas orquestras de ámbito internacional tales como Concergebouworkest de Ámsterdam, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orchestre Philarmonique Royal de Liége, etc.

Paralelamente, traballan activamente nos principais focos de creación actual: Bruxelas, Ámsterdam, Viena ou Madrid, desenvolvendo o seu labor tanto no ámbito solista como en diferentes ensembles internacionais.